O empresariado e as entidades de Sada aportan ideas á organización do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
A reunión celebrada onte na Sociedad Recreativa Cultural Deportiva serviu para recoller suxestións sobre a implicación do comercio ou para organizar o transporte ata Fontán, onde se desenvolverá a cita do 3 ao 6 de agosto
22 xuño de 2023.- A organización do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrou onte á tarde un encontro co empresariado e responsables de asociacións e entidades de Sada na Sociedad Recreativa Cultural Deportiva na que se recolleron ideas para o desenvolvemento da cita. As persoas asistentes aportaron moitas suxestións, como a necesaria implicación de comerciantes e da cidadanía en xeral ou sobre a conveniencia de garantir o transporte desde o centro da vila ata o porto de Fontán, onde se celebrarán as actividades de terra do evento. No encontro, no que participou o presidente dos Patexeiros, a Asociación Cultural Mariñeira anfitroa do encontro, Miguel Martínez, tamén se tratou a necesidade de recuperar e manter o patrimonio marítimo da vila e animouse á inscrición de voluntariado para colaborar nos labores de montaxe de desmontaxe e nas accións que terán lugar durante os días que se celebrará o evento.
Está previsto que participen no encontro un cento de embarcacións, como dornas ou bucetas, entre outras tipoloxías, que farán percorridos pola ría e, en terra, tamén se desenvolverá un variado programa de actividades culturais. A día de hoxe hai más de medio cento de barcos xa inscritos, a maioría galegos, pero tamén virán doutras comunidades, como de Cataluña, e dous chegarán desde Irlanda.