O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
presentouse na Coruña e Ferrol
Xa están abertas as inscricións para chegar ata Sada dende Rianxo na goleta Evangelina ou dende Vigo no barco histórico Atyla, e poden reservarse paseos pola ría nos días do evento en varias embarcacións
7 de xullo de 2023.- O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Sada do 3 ao 6 de agosto e que reunirá un cento de barcos, presentouse no Circo de Artesáns da Coruña e, en Ferrol, na sala Curuxeiras da Autoridade Portuaria. No caso da Coruña, participaron na cita, o secretario da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), Marcos Buíde Pollán, e o presidente da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, Miguel Martínez.
Por outra banda, xa está aberta a inscrición na expedición da goleta Evangelina, construída en 1912, que sairá de Rianxo o 2 de agosto para chegar a Sada o día 3 ou a viaxe dende Vigo a bordo do barco histórico Atyla, que está xestionado por unha entidade benéfica, entre o 30 de xullo e o 5 de agosto. Unha vez no porto de Fontán, as dúas embarcacións poderán ser visitadas e as persoas interesadas poden contratar excursións pola ría. Para estas actividades, a reserva está dispoñible na páxina web do encontro.
Xa hai 65 embarcacións inscritas para o Encontro, que virán desde distintas partes de Galicia, da xeografía do Estado, como Euskadi ou Cataluña, e tamén doutras partes de Europa, como Irlanda. A inscrición segue aberta, así como a de persoas voluntarias, que axuden durante a montaxe e desmontaxe das instalacións do evento e no seu desenvolvemento no porto de Fontán. Ambos formularios están dispoñibles na web do encontro: https://sadaembarcacionstradicionais.org/