A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo proxecta no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais catro filmes que subliñan a importancia do mar e o seu patrimonio 

Os documentais premiados no evento de 2022, dous galegos e un italiano, así como un noruegués sobre carpintería de ribeira, poderán verse dentro do programa do Encontro

27 de xullo de 2023.- O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia organiza por vez primeira a actividade ‘Encontro co Cinema’, froito da colaboración entre a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e a Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, que organiza e realiza a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo. Este evento, que celebrará a súa VI edición do 1 ao 5 de novembro en Outes, está comprometido co medio mariño e o sector pesqueiro e busca concienciar sobre a necesidade de coidar o mar e o patrimonio ligado a este. Durante o Encontro en Sada proxectaranse os tres filmes (dous galegos e un italiano) premiados na pasada edición da mostra cinematográfica, que tivo lugar en 2022, ademais dunha obra documental vinculada á carpintería de ribeira.

As películas que se poderán ver no Encontro serán o premio á “Mellor Película”, “Tatuado nos ollos levamos o pouso”, de Diana Toucedo (España, Galicia, 2021), que documenta o traballo dun grupo de mariscadoras dunha pequena vila ao sur de Galicia e a conciencia colectiva que emerxe nelas a nivel relacional. Tamén se proxectará “Atalaia/Piueiro”, de Xisela Franco (España, Galicia, 2022) que recibiu unha “Mención Especial” do Xurado, unha obra que trata de dar visibilidade ao patrimonio marítimo inmaterial de A Guarda mediante a colaboración destas dúas asociacións da vila, Asociación de Redeiras do Baixo Miño “Atalaia” e a Asociación de Embarcacións Tradicionais  “O Piueiro”. A outra obra premiada  co “Premio do Público” na pasada edición da mostra foi “Last of Us”, de Andrea Marcovicchio (Italia, 2021), un documental que retrata a desaparición progresiva e o futuro incerto do mundo da pesca e o patrimonio asociado no Lago Maggiore.

Ademais destas obras premiadas, a actividade prevé proxectar no Encontro un filme documental “Seleccionado na Competición Oficial” moi ligado á carpintería de ribeira. Trátase da norueguesa “The Boat Builders”, de Sveinung Uddu Ystad & Jon Terje Hellgren Hansen/Forbundet KYSTEN (Noruega, 2022), que permitirá aos espectadores e espectadoras acompañar a tres aprendices desta tradicional profesión e aos seus mestres, amosando o oficio, a tradición e a transmisión dos coñecementos desta profesión artesanal que se remonta á época viquinga, permitindo que este patrimonio siga vivo.