Sada acolle dúas exposicións con temática mariña como antesala do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
A mostra de pintura, de artistas de ARGA, está na Sala da Cultura ‘Pintor Lloréns’ e a de fotografía, de Eduardo Rivo, na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva, e ambas poden visitarse de luns a venres polas mañás
5 de xullo de 2023.- Sada acolle dúas exposicións, unha de pintura e outra de fotografía, de temática mariñeira como antesala do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
A exposición de pintura ‘O mar na miña memoria’ está composta por obras de Anandez, Ángeles Jorreto, Cristina Seisdedos, Charo Blanco, Demoreiras, Enrique Castro, Faginas, Francisco Otero, Francis Marrouch, Luis Mazorra, Manuel Gandullo, Marga Santiago e Pilar Pastoriza e está na Sala da Cultura de Sada ‘Pintor Llorens’. O seu horario de apertura ata o 30 de agosto, é de luns a venres de 8.00 a 14.00 horas. Os días 5 e 6, a fin de semana na que se celebra o Encontro, estará dispoñible para visitas. Nesta exposición colabora a Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA).
Na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada tamén está aberta a exposición fotográfica de Eduardo Rivo, que pode ser visitada de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas ata o 7 de agosto, é dicir, xusto ata que acabe o evento.